A Asociación Plataforma Mineiros de Touro e O Pino e ós Concellos de Touro e o Pino reclamamos a reapertura da histórica mina de Touro e O Pino. Unha oportunidade para a reactivación económica e demográfica da comarca. A Galicia abandonada ten poucas oportunidades de desenvolvemento, e esta é unha, por iso non entendemos que se poida deixar escapar.
Reclamámoslle á empresa que se presente o novo proxecto. Que non desistan, e que presenten a documentación requirida ante a Administración, para que se poida axilizar na medida do posible.
E, por outro lado, reclamámoslle á Administración que teñan en conta á xente local, a Galicia abandonada, e que non miren para outro lado cando determinados colectivos que só buscan réditos electorais fagan uso da manipulación e das verdades a medias para conseguir paralizar o proxecto.
Esa “España Vaciada” da que tanto falan ten nomes e apelidos, e podedes atopala en Touro e O Pino. O reto demográfico e a reactivación do rural, que ocupan tantos titulares ultimamente, poden promoverse en Touro e O Pino, coa reapertura da mina. A reactivación económica e a reindustrialización de Galicia, tamén teñen no Proxecto minero unha grandísima oportunidade.
Ás administracións: ¿Queredes reactivar as zonas rurais despoboadas? ¿Queredes impulsar o rural, e favorecer que a xente que queira vivir e traballar nel, poida facelo? ¿Queredes promover a recuperación económica e non deixar que morra a nosa industria? Se a resposta é si, unha das cousas que podedes facer por Galicia é a aprobación do Proxecto minero. Non deixemos que se queden só en palabras e en grandes titulares.
Ós colectivos contrarios a mina: Coma vós, nós tamén queremos á nosa terra. Tamén nos preocupa, e esiximos que se cumpra a normativa e que se fagan as cousas da única forma posible: con excelencia. Precisamente, porque queremos tanto o noso rural, non queremos que desapareza, que siga pouco a pouco quedando sen comercio, sen industria, sen xente… Por favor, pedimos que se trate o tema con rigorosidade e se eviten as manipulacións e verdades a medias, porque hai moito en xogo.
É un tema serio, e como tal gustaríanos que se tratase. Están en xogo centos de postos de traballo, e a posibilidade de mellorar as condicións medioambientais e socioeconómicas do noso entorno, dunha parte desa “España Vaciada”. E, sobre todo, está en xogo o noso futuro.
Estamos falando dun proxecto solvente, que mellorará o noso entorno, restaurando toda a zona dende o minuto 0. Ademais dos postos de traballo, promoverá a innovación no rural, a sostibilidade, e será a solución de moitos dos problemas que temos agora mesmo. A qué esperamos para poñelo en marcha?