Conde aludiu ao gran desafío do abastecemento de materias primas na industria e apostou por converter ao sector mineiro en aliado para a modernización das principais cadeas de valor da industria
O Goberno galego está a deseñar a Estratexia de Minería Sostible co ánimo de favorecer a economía circular e a modernización das principais cadeas de valor da industria
Facendo referencia ao contexto actual, o vicepresidente económico aludiu ao gran desafío do abastecemento de materias primas na industria sinalando como exemplo a crise dos microchips na automoción.
“A industria e a minería son dous vectores inseparables desde o punto de vista do proceso de sostibilidade cara ao cal camiña o tecido produtivo e a nosa economía, polo que temos que, cada vez con maior intensidade, vincular todas as actividades mineiras á propia industria”, apuntou.
Co obxectivo de converter o sector mineiro en aliado para a modernización das principais cadeas de valor da industria, Conde apuntou á Estratexia de Minería Sostible que está a deseñar a Xunta de Galicia para favorecer a economía circular e “acompañar as necesidades do sector industrial e o desenvolvemento da propia minería”.
Así, apuntou que no camiño cara a esa transformación tecnolóxica e enerxética, o acceso a determinados materiais “vai ser vital” para sectores estratéxicos como o da automoción, o naval ou o sector TIC, polo que é aí onde entra en xogo a sostibilidade para diminuír a dependencia da industria de determinadas materias primas.