Aos políticos, pedímoslle que fagan o seu traballo e exerzan como tal: menos fotos, e  máis respecto e escoita á veciñanza. 

Dende a Asociación de Traballadores Mineiros de Touro e O Pino, ante a visita de algúns políticos  que veñen á zona solo para coñecer unha parte da historia (por certo, manipulada) queremos  pedir que se nos respecte e se nos escoite. Nós tamén somos veciños e veciñas de Touro e O  Pino; somos unha maioría e queremos un futuro para a nosa comarca. 

Vemos como, de novo, comezan os políticos, movidos por intereses puramente partidistas, a  sacarse as fotos de rigor, e visitar a zona da man dos colectivos contrarios ao Proxecto Touro. E  nós preguntámonos, porque non se nos ten en conta? Somos unha asociación local formada por  máis de mil persoas, que pertencen na gran maioría a comarca e que vemos no proxecto Touro  unha oportunidade de futuro. Temos moito que dicir. E eles, que din defender á clase  traballadora, deberían escoitarnos. 

Porque mostran un rexeitamento total á reapertura da explotación sen sequera escoitarnos?  Din que verificaron a magnitude da afectación… Con quen? Con asociacións contrarias ao  proxecto que contan verdades a medias e se amparan en estudos e informes obsoletos e  manipulados? Por que non se informan a través de fontes profesionais como técnicos,  organismos científicos e universitarios…? Non entendemos nada. 

Eles esixen que se restaure ambientalmente a zona fluvial afectada pola antiga explotación. Ben.  Nos tamén. Saben que, precisamente, o Proxecto Touro suporía unha solución para isto? Porque o Proxecto propón unha restauración medioambiental completa para mellorar o entorno. Así o  marca a lei, e así o van facer. Queren que se resolva un problema, pero non queren a solución.  Alguén nolo explica? 

Din tamén, estes políticos que afirman defender os intereses dos traballadores (de cales? Porque  os do sector industrial dende logo que non) que debido ao grave estados das augas, a  reactivación do Proxecto Touro por parte de Cobre San Rafael “é inadmisible”. Porqué? Acaso  son eles os responsables diso? Porque non é así, e se estes políticos cren iso, están reafirmando  a nosa certeza de que non están en absoluto informados. 

Pedímoslles, polo tanto, que deixen aos profesionais facer o seu traballo. Que deixen que a  empresa solucione o problema das augas. Que non antepoñan unha foto electoralista aos  intereses dos veciños e veciñas, porque somos moitos os que queremos que o proxecto saia  adiante. É moito o que está en xogo: postos de traballo, o futuro dun sector, o dunha comarca.  Escoiten á xente: a todos, e non só os que gritan máis. Fagan un esforzo (que non debería ser  tal) por entendernos. E déixennos seguir vivindo na nosa zona, e crendo que podemos ter un  futuro aquí.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad