Máis de 7.000 persoas participaron na noite do 27 de setembro, nunha xuntanza festiva na que se reclamou aos promotores e ás administracións que poñan en marcha canto antes o proxecto industrial de Cobre San Rafael nos concellos de Touro e O Pino. “Merecemos esta oportunidade e non a imos a deixar pasar”, dixo a vicepresidenta da Asociación, Dania Pensado, subliñando os máis de 400 postos de traballo directos e 1.000 indirectos dun proxecto sostible e compatible co resto de actividades económicas da comarca.
Ao encontro, que tivo lugar no Campo da Festa Feira do Vinte de Cebreiro (O Pino), acudiron veciños e veciñas da comarca, asociacións veciñais, clubs deportivos, representantes de empresas e tamén sindicais, ademais da directiva da Asociación.
A Asociación quixo facer un recoñecemento e tamén unha reivindicación da historia mineira da comarca cunha festa que incluíu cena, música e fogos artificiais.
No acto, a vicepresidenta da Asociación agradeceu a asistencia aos máis de 2.000 socios que forman parte da organización e o apoio recibido por toda a xente presente. Pensado reivindicou o traballo desenvolvido durante os últimos anos pola entidade, baseado na transparencia e o diálogo, informando aos veciños da comarca e tendendo a man a tódolos colectivos interesados. “A pesar de que se tratou e se tratará de alarmar a veciñanza por interese político, facemos un chamamento á Xunta de Galicia para que aprobe un proxecto industrial sostible que, non só é estratéxico para o comarca, o é para toda Galiza e que, ademais, será a solución definitiva para a recuperación e rehabilitación da mina histórica de Touro”, afirmou.
Tamén, un ano máis, a xuntanza contou coa participación de CCOO Galicia. Nesta ocasión foi o secretario xeral de Industria, Víctor Ledo, quen tomou a palabra para reafirmar “o apoio valente e decidido de CCOO a este proxecto e a outros industriais que son claves para Galiza”. Ledo lembrou o pasado mineiro da comarca e resaltou que o cobre é un metal esencial para unha transición enerxética xusta e acadar os obxectivos de descarbonización europeos. “Hoxe imos celebrar esta xuntanza; espero que o ano que ven volvamos todos e todas aquí coa mina xa aberta”, rematou o secretario xeral de Industria do sindicato.
Por último, Venancio Salcines, en representación de Cobre San Rafael, puxo o foco na importancia do proxecto da mina de Touro-O Pino e agradeceu o apoio da Asociación. “Imos construír o mellor complexo industrial mineiro de Europa que producirá cobre 100% galego”, afirmou, destacando as medidas
de protección medioambiental e sostenibilidade deseñadas pola compañía para dar seguridade á sociedade. Ademais destacou as características dun proxecto de país que prevé rematar co paro industrial de 15 concellos. “Este proxecto está feito, co corazón e coa razón, para facer futuro”, concluíu Venancio Salcines.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad