Touro, 14 de outubro de 2026.- A Asociación de Mineiros de Touro-O Pino rexeita frontalmente as declaracións da eurodeputada Ana Miranda sobre o proxecto Cobre San Rafael e denuncia que se están a trasladar ás institucións europeas datos falsos, cifras sen xustificar e unha imaxe de rexeitamento social que non se corresponde coa realidade da comarca.

Europa sabía perfectamente o que aprobaba

A afirmación da eurodeputada sobre que a Comisión Europea «non contou con toda a información» para tomar a súa decisión é sinxelamente insostible. Organizacións ecoloxistas, plataformas contrarias ao proxecto e formacións políticas como o propio BNG, Podemos e Izquierda Unida levan desde 2018 trasladando peticións e iniciativas de control ás institucións comunitarias. En 2019, a propia Ana Miranda viaxou a Bruxelas coas plataformas para presentar tres denuncias ante a Comisión de Peticións. En 2023, o BNG volveu recorrer ás institucións europeas alertando sobre niveis de metais pesados no contorno da mina que foron rebatidos por informes elaborados por grupos de investigación das universidades públicas galegas.

A Comisión Europea coñecía todo isto cando, en outubro de 2026, decidiu incluír o proxecto de Cobre San Rafael na súa lista de 46 proxectos estratéxicos ao abeiro do Regulamento de Materias Primas Críticas (CRMA), seleccionándoo entre 102 solicitudes e avaliando expresamente os seus estándares ambientais, sociais e de gobernanza. Pretender agora que Europa non sabía o que aprobaba é unha falta de respecto á propia Comisión Europea e aos seus técnicos.

Datos falsos que non podemos deixar pasar

A eurodeputada afirma que a reapertura da mina «afectaría a cerca de 200 explotacións agrícolas e gandeiras». Esiximos saber de onde sae esa cifra. Mais alá do noso coñecemento da zona, segundo a información reflectida no Estudo de Impacto Ambiental, as explotacións agrícolas e gandeiras documentadas no contorno son aproximadamente 10. Difundir unha cifra 20 veces superior sen achegar ningún tipo de xustificación é unha irresponsabilidade que debe ser corrixida publicamente.

Do mesmo xeito, a eurodeputada menciona 1.500 alegacións contrarias ao proxecto, pero oculta deliberadamente que durante a tramitación se presentaron máis de 6.000 alegacións favorables. Os veciños e veciñas de Touro e O Pino están cansos de que se manipulen os datos e se silencie a súa voz para construír un relato que non se corresponde coa realidade.

O proxecto é a solución, non o problema

A Sra. Miranda afirma que a mina de Touro foi «rexeitada pola propia Xunta». O que non di é que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou aquela DIA negativa, dándolle a razón á empresa.

O que tampouco explica a eurodeputada é que os pasivos ambientais que tanto preocupan levan décadas sen solución, con gobernos de todos os partidos, porque proceden dunha mina que pechou nos anos 80, antes da entrada en vigor da lexislación medioambiental. Nós estamos convencidos e convencidas de que o proxecto de Cobre San Rafael é, precisamente, a única vía real e financeiramente viable para remediar eses pasivos. Sen un proxecto mineiro en funcionamento, ninguén vai investir os recursos necesarios para resolver un problema que leva 40 anos enquistado.

A voz da comarca non é a voz de Ana Miranda

Máis de 1.800 socios forman parte da nosa Asociación. Son persoas que viven na comarca, que traballan nela e que ven neste proxecto unha oportunidade real de emprego, actividade económica e futuro. Merecen o mesmo respecto e a mesma atención que quen se opón á iniciativa.

Non negamos que exista oposición ao proxecto. Ten todo o dereito a expresar a súa posición. Pero non permitiremos que ninguén presente unha única visión como se fose o sentir de toda a comarca. En Touro e O Pino hai miles de persoas que apoian este proxecto e que están fartas de que se utilice a súa terra como campo de batalla político.

Respecto e rigor

Pedimos á Sra. Miranda e a calquera representante político que se dirixa ás institucións europeas que o faga con datos verificables e non con cifras inventadas. O proxecto está en tramitación ambiental e corresponde á Xunta de Galicia avalialo conforme aos criterios técnicos e legais establecidos. Ese é o camiño. Non as pantomimas políticas en Bruxelas.

A comarca merece respecto. Os seus veciños merecen información rigorosa. E os máis de 1.800 socios desta Asociación merecen que a súa voz se escoite con tanta forza como a de quen di falar en nome de todos.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad