Touro, 14 de xuño do 2026 – Hoxe celébrase na Illa de Arousa unha nova manifestación contra o proxecto de Altri en Palas de Rei e, de paso, contra o proxecto mineiro de Touro-O Pino. Dende a Asociación de Mineiros de Touro-O Pino, que representa a máis de 1.800 socios e socias, veciños e veciñas dos nosos concellos, queremos trasladar á opinión pública a nosa posición.

Unha vez máis, mestúrase o proxecto da mina con iniciativas industriais que nada teñen que ver con el. A mina de Touro-O Pino e a factoría de Altri son proxectos distintos, de empresas distintas, en sectores distintos e en localizacións distintas. Vinculalos baixo un mesmo lema é unha estratexia deliberada para inflar cifras de asistencia e confundir á cidadanía, e nós non o imos aceptar en silencio.

Hoxe maniféstanse contra un proxecto que non está en funcionamento. A mina non opera. Non hai actividade extractiva. Non hai impacto. E con todo, preséntase como responsable dunha crise da ría que leva anos producíndose. Alguén pode explicar como una industria que non existe está a contaminar a ría?

O que si existe, e leva anos existindo, son os verdadeiros problemas que están a asfixiar as nosas augas. As depuradoras que non funcionan ou que quedan desbordadas cada vez que chove. As redes de saneamento obsoletas que verten directamente aos cauces. Os vertidos urbanos e industriais que levan décadas deteriorando o ecosistema. Por iso non hai manifestación. Por iso ninguén convoca unha marcha por terra e mar. Por iso ninguén freta un bateeiro para denuncialo diante das cámaras.

Resulta difícil de entender que miles de persoas sexan mobilizadas contra algo que aínda non existe e que ningún deles saia á rúa contra o que xa está a matar a ría agora mesmo, hoxe, mentres marchan. Os datos de perdas na produción marisqueira que se utilizan como argumento contra a mina producíronse sen que a mina estivese operativa. Ademais, cando estaba en funcionamento hai décadas, estes problemas non existían.

Por todo elo, se o marisqueo se está a afundir, como recoñecen os propios convocantes, a causa hai que buscala noutro lado. Pero parece que sinalar aos verdadeiros responsables non dá tantos titulares. Moitos dos que hoxe marchan na Illa de Arousa non son da nosa comarca, non coñecen o proxecto, non leron un só documento técnico e non van sufrir nin beneficiarse das consecuencias da decisión que se tome. Mentres tanto, en Touro e O Pino hai familias que necesitan traballo de calidade, mozos e mozas que se ven obrigados a marchar, e unha comarca que se baleira cada día un pouco máis. Diso ninguén fala. Diso ninguén se manifesta.

Esiximos que o proxecto se avalíe con criterios técnicos e científicos, non con pancartas. E esixímoslle tamén á sociedade galega un mínimo de coherencia: se lles preocupa a ría, que empecen por denunciar o que xa a está a destruír.

A nosa posición non cambiou: apoiamos un proxecto mineiro moderno e responsable, con todas as garantías ambientais e cun diálogo real coa comunidade local. O futuro de Touro e O Pino debemos decidilo quen vivimos aquí, e levamos moito tempo esperando.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad