Touro, 21 de xullo do 2026 – O texto publicado pola ‘Plataforma Mina Touro O Pino NON’ pretende construír unha crónica épica e emocional, pero evita a pregunta máis sinxela: como pode atribuírse esa responsabilidade a unha mina que non está operativa? Na actualidade non existe actividade extractiva, non hai reapertura en marcha e o proxecto continúa en tramitación administrativa.

As analíticas ás que fai referencia constatan unha realidade coñecida desde hai décadas: a existencia de pasivos ambientais históricos derivados dunha explotación pechada en 1986, que como era costume en aquela época, nunca deixou resoltos. Esa é a orixe dos episodios de alteración detectados en determinados puntos. Utilizar esa situación para rexeitar un proxecto novo aínda en avaliación supón ignorar que, precisamente, unha iniciativa sometida a autorización ambiental implica investimento, solucións técnicas, control público e seguimento administrativo.

As garantías dun proxecto dependen dos procedementos administrativos, da avaliación ambiental, dos informes técnicos, das condicións que poidan impoñerse e do seu posterior control. Se a preocupación é realmente a protección da auga, o razoable é reclamar medidas técnicas eficaces para corrixir os pasivos históricos, non descartar de partida calquera actuación que implique investir e intervir sobre eles.

Desde a perspectiva da boa administración, tamén resulta pertinente preguntarse se é adecuado destinar recursos públicos á elaboración de informes baseados en datos puntuais e sen unha metodoloxía suficientemente representativa e comparable. Quen se beneficia disto? A comarca non, desde logo; non somos a zona cero dun desastre ambiental que algúns queren pintar.

Por iso, pedimos que se o noso concello quere (despois de décadas sen facer nada) poñer o foco no control ambiental, debe facelo apoiándose en avaliacións con rigor científico, baseadas en series temporais, criterios estatísticos e, cando corresponda, indicadores biolóxicos, tal e como recolle a normativa en materia de augas.

Hai que preguntarse a quen lle interesa que se manteña a situación actual. Nós, e a maioría dos veciños, apostamos por resolver dunha vez os problemas herdados do pasado. A comarca necesita protección ambiental, e ao mesmo tempo emprego, investimento e solucións duradeiras. Todo elo pode vir da man dun bo proxecto mineiro. A empresa que o impulsa xa demostrou que é sensible as nosas demandas no aspecto ambiental e, puxo e pon vontade e unha inversión importante para mellorar. Coincidimos en que non é suficiente, pero é o camiño que hai que transitar. Cal é, se non, a alternativa?

Asociación Mineros Touro O Pino - Mineros Touro O Pino

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad