Touro, 18 de setembro do 2026 – Desde a Asociación de Mineiros Touro-O Pino queremos pronunciarnos tras a aprobación por unanimidade no Pleno dunha moción sobre a contaminación das augas na contorna mineira. O primeiro que cómpre lembrar é que hoxe non hai mina en funcionamento. A situación que se detecta en determinados puntos dos regos e ríos da zona está vinculada a pasivos ambientais históricos dunha explotación pechada en 1986, e non pode presentarse como consecuencia dun proxecto que non está operativo e segue en tramitación.

Dito isto, para os nosos máis de 1.800 socios e socias, veciños e veciñas dos nosos concellos a protección das augas é unha prioridade. Por iso, parécenos positivo que se reclame á Xunta de Galicia un control continuado, exhaustivo e con resultados públicos, sempre con metodoloxía representativa: series temporais, comparacións estatisticamente correctas e contexto hidrolóxico (caudais e estacionalidade). Non se poden extraer conclusións xerais nin establecer tendencias sólidas a partir dunha única mostraxe puntual, nin comparala directamente con medias anuais ou períodos completos sen a metodoloxía correspondente.

Tamén é importante evitar confusións interesadas: sen permiso de vertido da canle de drenaxe, a auga bombeada trátase na PTA e manéxase en circuíto pechado, polo que non se devolve ao río. Isto afecta ao caudal e á interpretación das concentracións, e debe explicarse con transparencia para non alimentar alarmas.

A comarca precisa un debate serio: controis ambientais rigorosos, solucións técnicas para resolver os problemas herdados e, ao mesmo tempo, emprego de calidade e futuro económico. A minaría moderna, ben deseñada e fiscalizada, pode ser unha oportunidade para remediar pasivos históricos con investimento, innovación e seguimento público, ademais de dinamizar o tecido local.

E aos representantes do Concello de Touro pedímoslles menos xestos para o titular e máis responsabilidade sostida no tempo. Se de verdade hai vontade de mellorar a situación das augas, que se impulse un esquema estable de control con datos comparables, que se esixa coordinación efectiva coas administracións competentes e que se informe á veciñanza con claridade e sen insinuacións. Porque o que non é aceptable é usar un problema histórico real como arma política mentres se continúa sen unha folla de ruta seria e verificable para resolvelo.

Nós seguiremos defendendo información verificable, transparencia e diálogo, afastados de mensaxes simplistas que só xeran ruído e bloqueo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad