A Asociación de Mineiros Touro-O Pino reuniu preto de 3.000 persoas en Touro para celebrar a tradicional festa mineira. Durante a celebración, os asistentes reclamaron que promotores e administracións retomen o proxecto mineiro de Touro-O Pino para dar un impulso a unha comarca cunha tradición mineira de máis de 100 anos.

Ao encontro, que tivo lugar na sala Dona Dana de Touro, acudiron veciños e veciñas da comarca, asociacións veciñais, clubes deportivos, representantes de empresas e tamén sindicais, ademais da directiva da Asociación.

A Asociación quixo facer un recoñecemento e tamén unha reivindicación da historia mineira da comarca cunha festa que incluíu cena, música e fogos artificiais.

No acto tomou a palabra Javier Balado, presidente da Asociación, quen agradeceu a asistencia e o apoio recibido por toda a xente presente. Javier Balado fixo un percorrido no seu discurso polas diferentes accións realizadas entre as que destacou a colaboración coa restauración das augas da antiga mina de Touro e o impulso da formación especializada pola cal se interesaron centos de veciños e veciñas. Javier finalizou o seu discurso animando a gozar da noite de celebración. Pola súa parte, Venancio Salcines, en representación de Cobre San Rafael, puxo o foco na importancia do proxecto da mina de Touro-O Pino “Algúns non queren a mina, non queren cambio, pero o cambio é non facer nada. A mina é cambio, é futuro, é que os teus volvan e outros non teñan que marcharse”. Por último, Fran Méndez, Secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO explicou que “queremos proxectos innovadores que garanticen o noso futuro e somos conscientes de que ese futuro pasa por confiar na industria para a creación de emprego”.

 

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad