Touro, 9 de outubro de 2026.- A Asociación de Mineiros Touro-O Pino quere expresar a súa enorme satisfacción pola designación do Proxecto Cobre San Rafael como Proxecto Estratéxico da Unión Europea. Un anuncio que se suma á declaración como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) da Xunta de Galicia.
Esta decisión da Comisión Europea ven a confirmar o que desde a nosa asociación levamos anos defendendo: que este proxecto é unha oportunidade histórica para Touro, O Pino e toda Galicia. Que Europa recoñeza que o cobre de Touro é estratéxico para a soberanía industrial do continente é un motivo de orgullo para toda a comarca e un aval ao proxecto.
Unha oportunidade que Galicia non debe deixar escapar
Temos todos os avais enriba da mesa. A Comisión Europea seleccionou o proxecto entre 102 solicitudes de toda Europa. A propia Xunta declarouno Proxecto Industrial Estratéxico. O proxecto conta cun plan social que foi unha das reclamacións da nosa organización e que beneficiará directamente á nosa comarca. Por iso, desde a Asociación de Mineiros animamos ás administracións competentes a axilizar os trámites pendentes para que este proxecto poida ser unha realidade canto antes.
Nun contexto no que Europa está a acelerar a aprobación de proxectos mineiros estratéxicos para garantir a súa autonomía industrial, Galicia ten a oportunidade de situarse á vangarda dese esforzo. Confiamos en que as administracións saberán estar á altura deste momento e darán ao proxecto a celeridade que merece un recoñecemento desta magnitude.
Un orgullo para a comarca e para Galicia
Lembramos que o apoio ao proxecto non é só institucional: é da xente. Miles de persoas participaron na festa mineira en favor dunha minería responsable. Miles de firmas respaldaron as nosas alegacións. A maioría social da comarca quere este proxecto, porque sabe que significa emprego estable, investimento e futuro.
Fronte a este respaldo maioritario, as posicións en contra proveñen de grupos políticos e sociais que só saben dicir non a calquera oportunidade de desenvolvemento para o noso territorio. Dendes desta asociación non permitiremos que ninguén intente facer crer que o non é a posición dos veciños e veciñas da comarca. Quen vive aquí, quen traballa aquí e quen quere un futuro aquí sabe perfectamente o que este proxecto significa: oportunidades reais para a xente real.
Desde a Asociación de Mineiros Touro-O Pino queremos expresar o noso orgullo por que a mina de Touro sexa recoñecida a nivel europeo. Este proxecto ten o potencial de colocar a nosa terra no mapa como exemplo de minería responsable, innovadora e respectuosa co medio ambiente.
Europa xa dixo si. A xente xa dixo si. Confiamos en que as administracións acompañen este camiño e fagan posible que o proxecto sexa pronto unha realidade que axude ao desenvolvemento económico e a recuperación demográfica da nosa comarca.




